Wednesday 08 de May de 2024

Trenor traslada ao alcalde de Valdoviño unha proposta para a mellora integral do Centro de Saúde


O proxecto sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor reuniuse esta mañá co alcalde de Valdoviño, Alberto González, para presentarlle unha proposta de que permitirá completar as obras de mellora integral do centro de saúde deste Concello por importe total de 240.000 euros. O orzamento será financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.
Dende o Goberno galego traballarase de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.
O delegado da Xunta de Galicia entregou ao rexedor a proposta que propón unha serie de actuacións para a mellora integral do centro e do seu funcionamento. Concretamente, as obras previstas consisten na reforma da cuberta, fachada e carpintería exterior, así como outras obras auxiliares no centro como a mellora da zona de entrada e unha actuación para dar solución aos problemas de accesibilidade desde a beirarrúa e vial á explanada da entrada, mellorando a zona de aparcamento e a xardinería. Os principais obxectivos desta actuación, ademais de corrixir as deficiencias detectadas permitirán mellorar a confortabilidade do centro e a súa eficiencia enerxética.

Centro saúde Monfero
O delegado da Xunta mantivo tamén un encontro co alcalde de Monfero, Andrés Feal, para trasladarlle outra proposta de colaboración que recolle un investimento de máis de 32.000 euros entre as dúas administracións. As obras de reforma contemplan o pintado exterior e interior, a limpeza das fachadas de pedra e a substitución da fontanería e reparación dos falsos teitos. O prazo de execución desta actuación será de catro meses.
O representante do Goberno galego puxo en valor estes dous investimentos porque permitirán mellorar a calidade asistencial dos dous centros de saúde e facilitarán o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar estes dous edificios para prestar o servizo sanitarios nas mellores condicións posibles.
A Xunta de Galicia xa construíu ou renovou un total de 83 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre case 70.000 metros cadrados cun investimento de máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria. Ademais, os vixentes orzamentos da Xunta para 2021, os primeiros da lexislatura, duplican os investimentos en atención primaria ata os 55 millóns de euros.